Pontus Lupulus ou a reciclaxe na cervexa

O 7 de outubro desprazámonos a Pontevedra. Iamos á terceira edición da feira da cervexa artesá: Pontus Lupulus. A nosa misión era realizar unha serie de obradoiros para as crianzas que se achegaran durante o sábado ata a carpa. Como o tema era a cervexa e cremos na responsabilidade cara ao noso planeta, escollemos a reciclaxe como nexo de unión de todas as actividades.

Así, durante unha hora dividimos en tres os talleres. Pola mañá, baixo o título Peixiños a montón, historias a moreas, reciclamos chapas e botellas para crear todo un mar colgante cheo de medusas, peixes e baleas. Así o ceo transformouse en auga.

Para a hora da comida, levamos unha ilustración deseñada e realizada por María R. Carballo que representaba á fada do lúpulo. Unha fada para que as crianzas puideran pintar mentres os pais degustaban a comida e cervexa da feira.

Pola tarde en Un, dous, tres… estamp-acción! volvemos aproveitar cartóns, chapas, gomas e botellas para crear debuxos a través da técnica da estampación. Un novo uso aos elementos de refugallo! E xa, para dar paso aos concertos… Clin, clin, chap, chap! música e reciclaxe! Usando os mesmos materiais creamos a nosa propia banda a través da construción dun xilófono, maracas e axóuxeres.

Foi un día moi agradable!

Agradecer ao equipo de Pontus Lupulus o ternos convidado e a atención durante o proceso de deseño dos obradoiros. Agardamos que esta iniciativa se manteña no tempo!

Leave a Reply