volver

Casa Morada Servizos Culturais é unha empresa centrada no ámbito cultural, máis concretamente no artístico aínda que abarca bastantes áreas (artes plásticas, performances, escultura, instalación, fotografía, literatura…), cunha marcada perspectiva de xénero. Cada un dos seus apartados caracterízase por un traballo coidado, tanto no fondo como na forma, adaptado ao público ao que vai dirixido, rigoroso, sen perder a faceta amena e que contará con profesionais do sector para a súa elaboración, xestión e execución.

Casa Morada comezou en setembro de 2016 como unha casa de bonecas pintada de violeta. Naceu como un micromuseo de xénero, un espazo alternativo onde as artistas puideran expoñer, considerándoo seu. A un tempo, conformábase como un lugar onde poder debater, compartir traballos e propor solucións á situación das mulleres e da cultura. Casa Morada é, desde o primeiro día, un lugar onde construír.

Aos poucos foi medrando, ampliándose ata os horizontes que a equipa feminista de Aire só soñabamos, dando lugar ao noso espazo, Casa Morada Servizos Culturais: xestión, formación, divulgación e asesoría xurídica-fiscal.

Casa Morada. Un espazo, unha idea, unha experiencia sen teitos de cristal.